Páxina web do concurso gastronómico Pontedetapas organizado polo Concello de Pontevedra

Posts Categorized / Inscrición

Últimos días de inscrición en Pontedetapas 2015

Os establecementos hostaleiros que aínda non se inscribiron teñen de prazo hasta este domingo 25

 

A oitava edición do xa tradicional concurso gastronómico PONTEDETAPAS, que impulsa a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, está cada vez máis preto. O prazo de inscrición para todos aqueles bares e restaurantes que queiran concursar finaliza este domingo 25 de outubro.

Poden apuntarse todos os establecementos de hostalaría do municipio, que poden inscribirse a través da web www.pontedetapas.eu/inscricion, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

O certame desenvolverase entre os días 12 e 22 de novembro e os participantes poderán concursar cunha creación a tres modalidades: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel.

Pontedetapas 2015: aberto o prazo de inscrición

O prazo para participar no certame gastronómico permanece aberto ata o 25 de outubro

 

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición do concurso Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta oitava edición o concurso gastronómico adiántase de data y terá lugar do xoves 12 ao domingo 22 de novembro. Serán, pois, 10 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscripción abarátase a 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.

Para máis información, consulta as bases reguladoras de participación.