Páxina web do concurso gastronómico Pontedetapas organizado polo Concello de Pontevedra

Posts Categorized / Participantes

Casa Román, El Cafetín e PTV, premios Pontedetapas 2015

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles que xeraron uns ingresos de case 67.000 euros

A Casa da Luz foi esta tarde o escenario no que se deu a coñecer o nome dos gañadores do certame Pontedetapas 2015 no que participaron 53 establecementos da cidade, deles 25 competiron en tapas tradicionais, 34 en tapas creativas e 14 na categoría de cóctel.

Casa Román (coa tapa tradicional “Cocido galego”), El Cafetín de la Alameda (coa tapa creativa “É tempo de navallas”) e PTV (co cóctel “Margarida de bombón”) foron os tres gañadores dos premios do xurado. Con eles estiveron tamén os segundos clasificados: Tapería Loaira (coa tapa creativa “Petisco de mar”), Tapería Dejavi (coa tapa tradicional “Nunca máis”) e El Pecado (co cóctel “Chocolat Pecado”). A “Tapa Pontevedra”, a que escolleu o público mediante as súas votacións, foi para El Cafetín de la Alameda con 4.030 puntos. A Tapería Loaira (tapa creativa “Petisco de mar”) e Cre-Cottê (coa tapa tradicional “É segredo”) ocuparon o segundo e o terceiro lugar respectivamente con 2.820 e 2.555 puntos. A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas.

Finalmente, de entre os 21.915 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse -por extracción ao azar- o de Begoña Paz García, gañadora dun premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. A papeleta agraciada correspondeu a unha consumición en La Fuga de Blas. E entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos.

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos tickets de compra, segundo explica a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías quen subliña o agrado dos hostaleiros locais polos resultados acadados. Algúns dobraron as ventas respecto do ano anterior e todos falan da intensa actividade rexistrada durante o Pontedetapas.

A Concellaría está moi satisfeita do balance deste ano, aínda que en 2014 a anterior organización contabilizaba algo máis de 46.000 tapas vendidas. A realidade é que se descoñece o método de reconto do pasado ano, pero nesta edición se incrementaron o número de establecementos participantes (53 fronte a 45), foron menos os días do concurso (11 fronte a 12), e que os hostaleiros e restauradores de Pontevedra puxeron xa sobre a mesa a posibilidade de convocar unha nova edición do concurso gastronómico para a primavera, ante os bos resultados deste inverno.

Pontedetapas é unha xanela para amosar e compartir a alta calidade e creatividade da gastronomía local pero tamén ten unha rendibilidade económica significativa: as 32.082 tapas xeraron uns ingresos de 64.164 euros en tanto que os 925 cócteles supuxeron 2.775 euros.

O xurado de Pontetapas estivo presidido por Pepe Solla, xefe de cociña e propietario do Restaurante Casa Solla (unha estrela Michelín e tres soles Repsol) e membro fundador do Grupo Nove, e integrado por Manuel Hermo, director do Cento Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra; José Soto, director de Hostalaría do Casino La Toja e precursor e promotor da coctelería en Galicia; Yolanda Castaño, un dos rostros máis populares da poesía galega e coordinadora do libro “Cociñando ao pé da letra”, unha orixinal proposta a medio camiño entre a literatura e a cociña; Faustino Batallán, co fundador de GaliciaCastro, equipo de bloggers gastronómico que promocionan #gastronomia e o #turismo de #Galicia desde 2.0 e Kike García Cerviño, socio e responsable da edición dixital da La Alacena Roja, revista especializada en gastronomía, turismo e hostelería.

Reunión informativa cos participantes

Ao encontro celebrado na Casa da Luz asistiron unha grande representación de establecementos participantes

 

Os propietarios dos establecementos participantes en Pontedetapas 2015 mantiveron o mércores 28 unha reunión informativa na que se lles explicou o desenvolvemento do concurso e se lles aclararon as dúbidas formuladas.

O encontro, que se desenvolveu na Casa da Luz, tamén contou coa participación da delegada en Pontevedra da Asociación de Celíacos de Galicia, Pilar Vence, que animou aos presentes a realizar as súas creacións con ingredientes sen glute.

Últimos días de inscrición en Pontedetapas 2015

Os establecementos hostaleiros que aínda non se inscribiron teñen de prazo hasta este domingo 25

 

A oitava edición do xa tradicional concurso gastronómico PONTEDETAPAS, que impulsa a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, está cada vez máis preto. O prazo de inscrición para todos aqueles bares e restaurantes que queiran concursar finaliza este domingo 25 de outubro.

Poden apuntarse todos os establecementos de hostalaría do municipio, que poden inscribirse a través da web www.pontedetapas.eu/inscricion, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

O certame desenvolverase entre os días 12 e 22 de novembro e os participantes poderán concursar cunha creación a tres modalidades: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel.

Pontedetapas 2015: aberto o prazo de inscrición

O prazo para participar no certame gastronómico permanece aberto ata o 25 de outubro

 

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición do concurso Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta oitava edición o concurso gastronómico adiántase de data y terá lugar do xoves 12 ao domingo 22 de novembro. Serán, pois, 10 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscripción abarátase a 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.

Para máis información, consulta as bases reguladoras de participación.