Novas

Pontedetapas 2016 xa ten gañadores

Tapería Loaira, Casa Román, Icewolf e El Cafetín de la Alameda, recibiron os premios Pontedetapas 2016

Pontedetapas 2016 , xa ten gañadores, que recibiron as distincións na gala que se desenvolveu o mércores 7 de decembro ás 19.00h na Casa da Luz.

Os premios do xurado son os seguintes:

• Mellor tapa creativa. Tapería Loaira co bocado “Sopa de mar con vermú”
• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado “Empanada de choco”
• Mellor cóctel. Icewolf co combinado “O fogar dos peixes”

Quedaron como segundos clasificados os seguintes: El Cafetín de la Alameda coa tapa creativa “Jack o lagostino. Imos por partes”, La Casa de las 5 Puertas coa tapa tradicional “Anaco de vaca” e Café Central co cóctel “Cóctel fusión”.

A Tapa Pontevedra, premio do público, foi para El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 6.731 puntos. O público deixou en segundo e terceiro lugar a Creperie Cre-Cottê coa tapa tradicional “Xarrete de tenreira Delicias do Bosque” (con 3.744 puntos) e Pontetapas coa tapa tradiconal “Tiras de entrecosto con escamas de sal negro e timbal de pataca con labras de foie” (con 3.731 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas. Rubén González terá a posibilidade de revalidar o título de Mellor Tapa de Galicia acadado o ano pasado.

Finalmente, de entre os 23.422 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 370 usuarios da app que emitiron 1.308 votos. As persoas agraciadas foron María Isabel García Campos e María José García Alonso.

Entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos, catro deles completos.

Nos dezaoito días do concurso- con tres fins de semana completas- vendéronse 34.014 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos datos proporcionados polos establecementos.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostelaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado. A primeira criba foi realizada por un equipo integrado por profesores do CIFP Carlos Oroza, que ecolleu a dez finalistas para as categorías de tapa e catro para a de cóctel.

Os finalistas foron: Badiana Tapas, Casa Román, Casa Verdún, Creperie Cre- Cottê, El Cafetín de la Alameda, La Casa de las Cinco Puertas, Loaira, O Cruceiro, O Souto e Tabula Rasa. En canto aos cócteles: Café Central, El Pecado, Icewolf e La Gramola. A continuación, un xurado formado por Marta Fernández Vázquez, directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia; Pablo Romero Huelin, chef da Viñoteca Bagos e membro do Grupo Nove; Elena Vitoria e Marga Pazos, da Consultoría Gastronómica y Turística Carta Blanca, especialista en tendencias gastronómicas así como no asesoramento e formación de negocios para hostelería e restauración; e Rubén Paz Romero, coctelero profesional e xerente da empresa de eventos El Mono con Sombrero, escolleu os gañadores.

En Pontedetapas 2016 participaron 52 establecementos da cidade, deles 32 competiron en tapas tradicionais, 25 en tapas creativas e 13 na categoría de cóctel.

Comeza Pontedetapas 2016

Serán dezaoito días nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados

Un total de 52 establecementos participarán do 3 ao 20 de novembro na novena edición de Pontedetapas. Serán 18 días (con tres fins de semana completas) nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.
Este ano competirán no certame 32 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 13 cócteles. Mantéñense os prezos de dous euros por tapa e de tres euros por cóctel.
Haberá un Premio do Xurado que escollerá a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e o mellor cóctel. Será o profesorado do CIFP Carlos Oroza o encargado de probar todas as propostas e facer unha preselección de dez tapas e catro cócteles. Entre eses finalistas, un xurado profesional que se desvelará ao final do concurso escollerá ao gañador de cada unha destas modalidades.
Ademais, entre todas as tapas e cócteles presentados, ou público outorgará mediante votación popular ou Premio do Público “TAPA PONTEVEDRA”, á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade: non sabor, non aroma, nos produtos empregados…
O público emitirá os seus votos a razón dun único voto por tapa ou cóctel consumido, durante os días de celebración do evento, do 3 ao 20 de novembro. Poderá votar a través dun cupón de votación, en formato papel, ou a través da app Pontedetapas.
A TAPA PONTEVEDRA será a que represente á cidade de Pontevedra na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. E tamén terá como premio desenvolver un showcooking dentro da segunda edición da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, unha iniciativa do Concello de Pontevedra e cuxa primeira edición celebrarase na cidade coincidindo con Pontedetapas.
Como novidade, Pontedetapas contará cunha app propia, gratuíta para o usuario, sinxela e intuitiva. Desenvolvida para iOs e Android, que permitirá ver detalles dos locais e das tapas participantes, posicionándoos por xeolocalización no mapa. Ademais, tamén incorpora un sistema de votación popular, fiable e transparente, mediante a introducción de códigos (alfanuméricos e QR).
Mediante a súa votación, os clientes que consuman as tapas e cócteles a concurso poderán participar no sorteo de DOUS premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio outorgarase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.
Volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garantiza un regalo seguro, (consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60,00 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso) a aqueles consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do día 30 de novembro de 2016.

Pontedetapas 2016: aberto o prazo de inscrición

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición do concurso Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción da Cidade co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta novena edición o concurso gastronómico amplía as súas datas de celebración a tres fines de semana completas. Así, terá lugar do xoves 3 ao domingo 20 de novembro. Serán, pois, 18 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. Precisamente foron os representantes de Pontevedra –Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín de la Alameda– os gañadores da pasada edición.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscripción é de 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.

Para máis información, consulta as bases reguladoras de participación.

Reunión informativa Pontedetapas 2016

Terá lugar o luns 19 de setembro, ás 19 horas, na Casa da Luz

A novena edición do xa tradicional concurso gastronómico PONTEDETAPAS, que impulsa a Concellaría de Promoción da Cidade de Pontevedra, está cada vez máis preto. Por este motivo, convócase a todos os establecementos interesados en participar a unha reunión informativa que terá lugar este luns 19 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Bolechas da Casa da Luz (Praza da Verdura s/n).

 

 

©Turismo de Galicia

A mellor tapa galega está en Pontevedra!

Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín, gañan o certame “De Tapas por Galicia”

A nosa cidade ten a mellor tapa galega!!! Os representantes de Pontevedra, Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín de la Alameda, impuxéronse onte á noite na II Gala Show Cooking De Tapas por Galicia grazas á súa receita “É tempo de navallas”, coa que xa conquistaran ao xurado e ao público de Pontedetapas 2015.

Este certame, organizado por Turismo de Galicia, reuniu aos gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas, que elaboraron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación.

O acto estivo conducido polos presentadores de televisión Yolanda Vázquez e Quique Morales e o xurado profesional encargado de escoller ao mellor cociñeiro estaba composto pola directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o presidente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campo, e o xornalista de Radio Galega José Manuel García. Este xurado foi o encargado de escoller ao mellor cociñeiro en base á súa tapa, valorando a orixinalidade e o respecto do prato polo produto galego.

Pontedetapas manterase en novembro mais estenderase a tres fines de semana completas

Hostaleiros e Concello reuníronse onte para desenvolver novas actividades de dinamización e promoción do sector

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, reuniuse cos hostaleiros de Pontevedra para facer unha valoración final de Pontedetapas 2015 e comezar a preparación da edición deste ano.

Entre os acordos tomados, mantense a celebración do concurso gastronómico no mes de novembro, na procura de mellorar os ingresos da tempada baixa, se ben decidiuse ampliar o número de días, de xeito que dure tres fines de semana completas.

Os prezos serán os mesmos, de 2 euros por tapa e de 3 euros por cóctel, ao igual que as modalidades de participación: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel. O público volverá a escoller a Tapa Pontevedra e, de novo, o CIFP Carlos Oroza terá unha presenza activa.

Así mesmo, puxéronse sobre a mesa algunhas ideas de actividades de dinamización do sector para levar a cabo este ano, en concreto durante o mes de abril, outro mes frouxo, segundo os hostaleiros participantes.

Finalmente, tras o éxito en Culturgal, determinouse a creación dunha rede de colaboración con descontos na hostalería pontevedresa para os asistentes a determinados eventos deportivos e culturais.

Reunión de balance final de Pontedetapas 2015 cos hostaleiros

Convócase aos hostaleiros este luns 18 de xaneiro, ás 18 h, na Casa da Luz

A Concellería de Promoción da Cidade convoca aos hostaleiros de Pontevedra a unha reunión que se celebrará este luns 18, ás 18:00 horas, na Casa da Luz.

Entre os temas para tratar realizarase unha valoración final de Pontedetapas 2015, para identificar aqueles aspectos que deben ser mellorados. Informarase, ademais, sobre o catálogo dos participantes neste concurso gastronómico e falarase sobre a edición Pontedetapas 2016 (datas de celebración, bases previas…). Así mesmo, adiantaranse algunhas ideas de actividades de promoción do sector para levar a cabo este ano.

As opinións e achegas de todos son fundamentais para o bo funcionamento de Pontedetapas. É por isto mesmo que animamos a todos os interesados a asistir.

Casa Román, El Cafetín e PTV, premios Pontedetapas 2015

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles que xeraron uns ingresos de case 67.000 euros

A Casa da Luz foi esta tarde o escenario no que se deu a coñecer o nome dos gañadores do certame Pontedetapas 2015 no que participaron 53 establecementos da cidade, deles 25 competiron en tapas tradicionais, 34 en tapas creativas e 14 na categoría de cóctel.

Casa Román (coa tapa tradicional “Cocido galego”), El Cafetín de la Alameda (coa tapa creativa “É tempo de navallas”) e PTV (co cóctel “Margarida de bombón”) foron os tres gañadores dos premios do xurado. Con eles estiveron tamén os segundos clasificados: Tapería Loaira (coa tapa creativa “Petisco de mar”), Tapería Dejavi (coa tapa tradicional “Nunca máis”) e El Pecado (co cóctel “Chocolat Pecado”). A “Tapa Pontevedra”, a que escolleu o público mediante as súas votacións, foi para El Cafetín de la Alameda con 4.030 puntos. A Tapería Loaira (tapa creativa “Petisco de mar”) e Cre-Cottê (coa tapa tradicional “É segredo”) ocuparon o segundo e o terceiro lugar respectivamente con 2.820 e 2.555 puntos. A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas.

Finalmente, de entre os 21.915 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse -por extracción ao azar- o de Begoña Paz García, gañadora dun premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. A papeleta agraciada correspondeu a unha consumición en La Fuga de Blas. E entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos.

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos tickets de compra, segundo explica a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías quen subliña o agrado dos hostaleiros locais polos resultados acadados. Algúns dobraron as ventas respecto do ano anterior e todos falan da intensa actividade rexistrada durante o Pontedetapas.

A Concellaría está moi satisfeita do balance deste ano, aínda que en 2014 a anterior organización contabilizaba algo máis de 46.000 tapas vendidas. A realidade é que se descoñece o método de reconto do pasado ano, pero nesta edición se incrementaron o número de establecementos participantes (53 fronte a 45), foron menos os días do concurso (11 fronte a 12), e que os hostaleiros e restauradores de Pontevedra puxeron xa sobre a mesa a posibilidade de convocar unha nova edición do concurso gastronómico para a primavera, ante os bos resultados deste inverno.

Pontedetapas é unha xanela para amosar e compartir a alta calidade e creatividade da gastronomía local pero tamén ten unha rendibilidade económica significativa: as 32.082 tapas xeraron uns ingresos de 64.164 euros en tanto que os 925 cócteles supuxeron 2.775 euros.

O xurado de Pontetapas estivo presidido por Pepe Solla, xefe de cociña e propietario do Restaurante Casa Solla (unha estrela Michelín e tres soles Repsol) e membro fundador do Grupo Nove, e integrado por Manuel Hermo, director do Cento Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra; José Soto, director de Hostalaría do Casino La Toja e precursor e promotor da coctelería en Galicia; Yolanda Castaño, un dos rostros máis populares da poesía galega e coordinadora do libro “Cociñando ao pé da letra”, unha orixinal proposta a medio camiño entre a literatura e a cociña; Faustino Batallán, co fundador de GaliciaCastro, equipo de bloggers gastronómico que promocionan #gastronomia e o #turismo de #Galicia desde 2.0 e Kike García Cerviño, socio e responsable da edición dixital da La Alacena Roja, revista especializada en gastronomía, turismo e hostelería.

Pontedetapas pecha a súa edición de 2015

Os gañadores daranse a coñecer a final deste mes, nun acto na Casa da Luz

Tras dez días deleitando padais, o concurso gastronómico Pontedetapas clausurou onte a súa oitava edición pero haberá que esperar uns días para coñecer aos gañadores do concurso.

Hoxe empezáronse a recoller as urnas para realizar o reconto de papeletas e descubrir o nome do que será o gañador do premio “Tapa Pontevedra”, que competirá na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Asemade, os gañadores do premio do xurado (á mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor cóctel) daranse a coñecer nun evento final na Casa da Luz, previsto a final deste mes. Neste acto, tamén se sorteará o premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre todos os cupóns de votación recollidos.

Quedamosdetapas, app oficial de Pontedetapas

Descargaa en Google Play e ten no teu teléfono móbil toda a información de Pontedetapas

Quedamosdetapas é a app oficial do concurso gastronómico Pontedetapas 2015. Intuitiva e fácil de usar, a app Quedamosdetapas permite encontrar a todos os establecementos participantes, segundo a súa localización, así como coñecer e valorar as creacións presentadas a concurso. Os usuarios poderán ver todas as fotografías das tapas e dos cócteles, enterarse dos horarios de degustación en cada local, ademais de información adicional ao concurso, os premios que pode gañar o público, actividades paralelas programadas…

A app, de descarga gratuita para dispositivos Android, pódese descargar mediante a lectura dun código qr a través dun teléfono móbil, ou descargando “Quedamosdetapas” desde Google Play (https://play.google.com/store/apps/details?id=com.taptil.quedamosdetapas)

Páxinas:12»