En Pontedetapas 2015 participaron 53 establecementos da cidade, dos que 25 competiron en tapas tradicionais, 34 en tapas creativas e 14 na categoría de cóctel.

Casa Román (coa tapa tradicional “Cocido galego”), El Cafetín de la Alameda (coa tapa creativa “É tempo de navallas”) e PTV (co cóctel “Margarida de bombón”) foron os tres gañadores dos premios do xurado. Con eles estiveron tamén os segundos clasificados: Tapería Loaira (coa tapa creativa “Petisco de mar”), Tapería Dejavi (coa tapa tradicional “Nunca máis”) e El Pecado (co cóctel “Chocolat Pecado”). A “Tapa Pontevedra”, a que escolleu o público mediante as súas votacións, foi para El Cafetín de la Alameda con 4.030 puntos. A Tapería Loaira (tapa creativa “Petisco de mar”) e Cre-Cottê (coa tapa tradicional “É segredo”) ocuparon o segundo e o terceiro lugar respectivamente con 2.820 e 2.555 puntos. A Tapa Pontevedra foi o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas.

Finalmente, de entre os 21.915 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse -por extracción ao azar- o de Begoña Paz García, gañadora dun premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. A papeleta agraciada correspondeu a unha consumición en La Fuga de Blas. E entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos.

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos tickets de compra. Pontedetapas é unha xanela para amosar e compartir a alta calidade e creatividade da gastronomía local pero tamén ten unha rendibilidade económica significativa: as 32.082 tapas xeraron uns ingresos de 64.164 euros en tanto que os 925 cócteles supuxeron 2.775 euros.

O xurado de Pontetapas estivo presidido por Pepe Solla, xefe de cociña e propietario do Restaurante Casa Solla (unha estrela Michelín e tres soles Repsol) e membro fundador do Grupo Nove, e integrado por Manuel Hermo, director do Cento Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra; José Soto, director de Hostalaría do Casino La Toja e precursor e promotor da coctelería en Galicia; Yolanda Castaño, un dos rostros máis populares da poesía galega e coordinadora do libro “Cociñando ao pé da letra”, unha orixinal proposta a medio camiño entre a literatura e a cociña; Faustino Batallán, co fundador de GaliciaCastro, equipo de bloggers gastronómico que promocionan #gastronomia e o #turismo de #Galicia desde 2.0 e Kike García Cerviño, socio e responsable da edición dixital da La Alacena Roja, revista especializada en gastronomía, turismo e hostelería.