Tapería Loaira, Casa Román, Icewolf e El Cafetín de la Alameda, recibiron os premios Pontedetapas 2016

Pontedetapas 2016 , xa ten gañadores, que recibiron as distincións na gala que se desenvolveu o mércores 7 de decembro ás 19.00h na Casa da Luz.

Os premios do xurado son os seguintes:

• Mellor tapa creativa. Tapería Loaira co bocado “Sopa de mar con vermú”
• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado “Empanada de choco”
• Mellor cóctel. Icewolf co combinado “O fogar dos peixes”

Quedaron como segundos clasificados os seguintes: El Cafetín de la Alameda coa tapa creativa “Jack o lagostino. Imos por partes”, La Casa de las 5 Puertas coa tapa tradicional “Anaco de vaca” e Café Central co cóctel “Cóctel fusión”.

A Tapa Pontevedra, premio do público, foi para El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 6.731 puntos. O público deixou en segundo e terceiro lugar a Creperie Cre-Cottê coa tapa tradicional “Xarrete de tenreira Delicias do Bosque” (con 3.744 puntos) e Pontetapas coa tapa tradiconal “Tiras de entrecosto con escamas de sal negro e timbal de pataca con labras de foie” (con 3.731 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas. Rubén González terá a posibilidade de revalidar o título de Mellor Tapa de Galicia acadado o ano pasado.

Finalmente, de entre os 23.422 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 370 usuarios da app que emitiron 1.308 votos. As persoas agraciadas foron María Isabel García Campos e María José García Alonso.

Entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos, catro deles completos.

Nos dezaoito días do concurso- con tres fins de semana completas- vendéronse 34.014 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos datos proporcionados polos establecementos.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostelaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado. A primeira criba foi realizada por un equipo integrado por profesores do CIFP Carlos Oroza, que ecolleu a dez finalistas para as categorías de tapa e catro para a de cóctel.

Os finalistas foron: Badiana Tapas, Casa Román, Casa Verdún, Creperie Cre- Cottê, El Cafetín de la Alameda, La Casa de las Cinco Puertas, Loaira, O Cruceiro, O Souto e Tabula Rasa. En canto aos cócteles: Café Central, El Pecado, Icewolf e La Gramola. A continuación, un xurado formado por Marta Fernández Vázquez, directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia; Pablo Romero Huelin, chef da Viñoteca Bagos e membro do Grupo Nove; Elena Vitoria e Marga Pazos, da Consultoría Gastronómica y Turística Carta Blanca, especialista en tendencias gastronómicas así como no asesoramento e formación de negocios para hostelería e restauración; e Rubén Paz Romero, coctelero profesional e xerente da empresa de eventos El Mono con Sombrero, escolleu os gañadores.

En Pontedetapas 2016 participaron 52 establecementos da cidade, deles 32 competiron en tapas tradicionais, 25 en tapas creativas e 13 na categoría de cóctel.