O ‘Mare Nostrum’ de El Cafetín de la Alameda, premiada polo público como Tapa Pontevedra e polo xurado como mellor tapa creativa

O ‘Bacallau con coliflor’ de Casa Román, mellor tapa tradicional, e Bocarte e Casa Fernández (O Parvadas) leváronse ex aequo o galardón ao mellor cóctel con ‘Bocarte Sour Snow Version’ e ‘Resacón no Parvadas’

O certame gastronómico Pontedetapas 2019, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe a socialista Yoya Blanco, xa ten gañadores. Nesta duodécima edición participaron 53 establecementos da cidade, que presentaron un total de 69 elaboracións: 31 tapas tradicionais, 20 tapas creativas e 18 cócteles. As distincións foron entragadas esta tarde, ás 18.00 horas, nun acto que tivo lugar na Casa da Luz e que estivo presidido pola propia Blanco e polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Os Premios do Xurado foron os seguintes:

• Mellor tapa creativa: El Cafetín de la Alameda co bocado ‘Mare Nostrum’

• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado ‘Bacallau con coliflor’

• Mellor cóctel. Bocarte con ‘Bocarte Sour Snow Version’ ex aequo con Casa Fernández (O Parvadas) ‘Resacón no Parvadas’

Quedaron como segundos clasificados o restaurante Loaira coa tapa creativa ‘Ostra en escabeche lima-limón, escuma de escumoso galego, perlas cítricas e mazá’, Café Liceo coa tapa tradicional ‘A vieira mariñeiraámariñeira’, e Filamento co cóctel ‘Aperitivo no bosque’.

A Tapa Pontevedra, Premio do Público, foi para ‘Mare Nostrum’ de El Cafetín de la Alameda. Acadou 13.331 puntos nas votacións. O público deixou en segundo lugar ao restaurante La Cámara coa tapa tradicional ‘Espetada de solombo de porco á mazá’ (con 4.634 puntos) e en terceiro lugar, a Casa Verdún coa tapa tradicional ‘Outra vaca no millo’ (con 4.447 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame ‘De tapas por Galicia’, que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete cidades galegas máis grandes.

O xurado

O xurado final estivo formado polo CIFP Carlos Oroza, o chef Miguel Mosteiro (GastroLab Arousa), a dietista-nutricionista e concursante de MasterChef 2015 Lidia Folgar, a xornalista colaboradora da revista gastronómica BenBo Silvia Viqueira, e o responsable de hostalaría do Casino da Toxa José Soto.

Pontedetapas contou por segunda vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, que outorgou un Premio á Mellor Maridaxe con Mahou. O gañador foi o restaurante Padal da Santiña, que maridou o seu ‘Planeta Ovo’ cunha Mahou Maestra. Os gañadores deste galardón poderán protagonizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.

Finalmente, de entre os 24.748 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas escolleuse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén se sorteou outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 354 usuarios da app que emitiron 1.805 votos. Resultaron agraciados Patricia Iglesias López e Pedro Carrera González.

Asemade, fíxose entrega de dez ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre tódolos establecementos do concurso aos pasaportes entregados completos na Casa da Luz.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, salientou “o enorme nivel que está acadando ano a ano este certame gastronómico, con tapas cada vez máis orixinais, elaboradas e, por suposto, deliciosas”. A edil do PSOE fixo fincapé na “gran implicación do público, non só para catar as tapas, que para iso estamos todos sempre dispoñibles, senon tamén á hora de tomarse a molestia de votar e valorar estas pequenas mostras de arte gastronómica pontevedresa, tanto a través dos cupóns recollidos nos establecementos como mediante a app”.