Os gañadores daranse a coñecer a final deste mes, nun acto na Casa da Luz

Tras dez días deleitando padais, o concurso gastronómico Pontedetapas clausurou onte a súa oitava edición pero haberá que esperar uns días para coñecer aos gañadores do concurso.

Hoxe empezáronse a recoller as urnas para realizar o reconto de papeletas e descubrir o nome do que será o gañador do premio “Tapa Pontevedra”, que competirá na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Asemade, os gañadores do premio do xurado (á mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor cóctel) daranse a coñecer nun evento final na Casa da Luz, previsto a final deste mes. Neste acto, tamén se sorteará o premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre todos os cupóns de votación recollidos.