Os fogóns xa están acendidos; o forno, precalentado; os coitelos, afiados; os ingredientes, preparados… Xa estamos listos! Comeza Pontedetapas 2016.

Buscamos o sabor de Pontevedra, entre os establecementos da cidade que participarán nesta novena edición que se desenvolverá desde o 3 ao 20 de novembro. Das 32 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 13 cócteles o público escollerá a Tapa Pontevedra, aquela que mellor represente a esencia da nosa cidade na combinación do sabor cos ingredientes empregados, na presentación, na orixinalidade da creación etc.  Axúdanos a escollela a e entra no sorteo de dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local.

Ademais, se visitas todos os establecementos participantes gañas un regalo seguro: consegue o teu pasaporte Pontedetapas gratuitamente na Casa da Luz ou en calquera dos establecementos adheridos ao concurso e non esquezas pedir que cho selen cando degustes a tapa ou cóctel. As persoas que presenten o pasaporte cos selos de todos os locais terán dereito a unha cea para dúas persoas valorada en 60 euros.