Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín, gañan o certame “De Tapas por Galicia”

A nosa cidade ten a mellor tapa galega!!! Os representantes de Pontevedra, Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín de la Alameda, impuxéronse onte á noite na II Gala Show Cooking De Tapas por Galicia grazas á súa receita “É tempo de navallas”, coa que xa conquistaran ao xurado e ao público de Pontedetapas 2015.

Este certame, organizado por Turismo de Galicia, reuniu aos gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas, que elaboraron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación.

O acto estivo conducido polos presentadores de televisión Yolanda Vázquez e Quique Morales e o xurado profesional encargado de escoller ao mellor cociñeiro estaba composto pola directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o presidente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campo, e o xornalista de Radio Galega José Manuel García. Este xurado foi o encargado de escoller ao mellor cociñeiro en base á súa tapa, valorando a orixinalidade e o respecto do prato polo produto galego.