Posts Categorized / Novas

Reunión de balance final de Pontedetapas 2015 cos hostaleiros

Convócase aos hostaleiros este luns 18 de xaneiro, ás 18 h, na Casa da Luz

A Concellería de Promoción da Cidade convoca aos hostaleiros de Pontevedra a unha reunión que se celebrará este luns 18, ás 18:00 horas, na Casa da Luz.

Entre os temas para tratar realizarase unha valoración final de Pontedetapas 2015, para identificar aqueles aspectos que deben ser mellorados. Informarase, ademais, sobre o catálogo dos participantes neste concurso gastronómico e falarase sobre a edición Pontedetapas 2016 (datas de celebración, bases previas…). Así mesmo, adiantaranse algunhas ideas de actividades de promoción do sector para levar a cabo este ano.

As opinións e achegas de todos son fundamentais para o bo funcionamento de Pontedetapas. É por isto mesmo que animamos a todos os interesados a asistir.

Casa Román, El Cafetín e PTV, premios Pontedetapas 2015

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles que xeraron uns ingresos de case 67.000 euros

A Casa da Luz foi esta tarde o escenario no que se deu a coñecer o nome dos gañadores do certame Pontedetapas 2015 no que participaron 53 establecementos da cidade, deles 25 competiron en tapas tradicionais, 34 en tapas creativas e 14 na categoría de cóctel.

Casa Román (coa tapa tradicional “Cocido galego”), El Cafetín de la Alameda (coa tapa creativa “É tempo de navallas”) e PTV (co cóctel “Margarida de bombón”) foron os tres gañadores dos premios do xurado. Con eles estiveron tamén os segundos clasificados: Tapería Loaira (coa tapa creativa “Petisco de mar”), Tapería Dejavi (coa tapa tradicional “Nunca máis”) e El Pecado (co cóctel “Chocolat Pecado”). A “Tapa Pontevedra”, a que escolleu o público mediante as súas votacións, foi para El Cafetín de la Alameda con 4.030 puntos. A Tapería Loaira (tapa creativa “Petisco de mar”) e Cre-Cottê (coa tapa tradicional “É segredo”) ocuparon o segundo e o terceiro lugar respectivamente con 2.820 e 2.555 puntos. A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas.

Finalmente, de entre os 21.915 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse -por extracción ao azar- o de Begoña Paz García, gañadora dun premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. A papeleta agraciada correspondeu a unha consumición en La Fuga de Blas. E entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos.

Nos once días do concurso vendéronse 33.007 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos tickets de compra, segundo explica a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías quen subliña o agrado dos hostaleiros locais polos resultados acadados. Algúns dobraron as ventas respecto do ano anterior e todos falan da intensa actividade rexistrada durante o Pontedetapas.

A Concellaría está moi satisfeita do balance deste ano, aínda que en 2014 a anterior organización contabilizaba algo máis de 46.000 tapas vendidas. A realidade é que se descoñece o método de reconto do pasado ano, pero nesta edición se incrementaron o número de establecementos participantes (53 fronte a 45), foron menos os días do concurso (11 fronte a 12), e que os hostaleiros e restauradores de Pontevedra puxeron xa sobre a mesa a posibilidade de convocar unha nova edición do concurso gastronómico para a primavera, ante os bos resultados deste inverno.

Pontedetapas é unha xanela para amosar e compartir a alta calidade e creatividade da gastronomía local pero tamén ten unha rendibilidade económica significativa: as 32.082 tapas xeraron uns ingresos de 64.164 euros en tanto que os 925 cócteles supuxeron 2.775 euros.

O xurado de Pontetapas estivo presidido por Pepe Solla, xefe de cociña e propietario do Restaurante Casa Solla (unha estrela Michelín e tres soles Repsol) e membro fundador do Grupo Nove, e integrado por Manuel Hermo, director do Cento Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra; José Soto, director de Hostalaría do Casino La Toja e precursor e promotor da coctelería en Galicia; Yolanda Castaño, un dos rostros máis populares da poesía galega e coordinadora do libro “Cociñando ao pé da letra”, unha orixinal proposta a medio camiño entre a literatura e a cociña; Faustino Batallán, co fundador de GaliciaCastro, equipo de bloggers gastronómico que promocionan #gastronomia e o #turismo de #Galicia desde 2.0 e Kike García Cerviño, socio e responsable da edición dixital da La Alacena Roja, revista especializada en gastronomía, turismo e hostelería.

Pontedetapas pecha a súa edición de 2015

Os gañadores daranse a coñecer a final deste mes, nun acto na Casa da Luz

Tras dez días deleitando padais, o concurso gastronómico Pontedetapas clausurou onte a súa oitava edición pero haberá que esperar uns días para coñecer aos gañadores do concurso.

Hoxe empezáronse a recoller as urnas para realizar o reconto de papeletas e descubrir o nome do que será o gañador do premio “Tapa Pontevedra”, que competirá na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Asemade, os gañadores do premio do xurado (á mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor cóctel) daranse a coñecer nun evento final na Casa da Luz, previsto a final deste mes. Neste acto, tamén se sorteará o premio de 1.000 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre todos os cupóns de votación recollidos.

Quedamosdetapas, app oficial de Pontedetapas

Descargaa en Google Play e ten no teu teléfono móbil toda a información de Pontedetapas

Quedamosdetapas é a app oficial do concurso gastronómico Pontedetapas 2015. Intuitiva e fácil de usar, a app Quedamosdetapas permite encontrar a todos os establecementos participantes, segundo a súa localización, así como coñecer e valorar as creacións presentadas a concurso. Os usuarios poderán ver todas as fotografías das tapas e dos cócteles, enterarse dos horarios de degustación en cada local, ademais de información adicional ao concurso, os premios que pode gañar o público, actividades paralelas programadas…

A app, de descarga gratuita para dispositivos Android, pódese descargar mediante a lectura dun código qr a través dun teléfono móbil, ou descargando “Quedamosdetapas” desde Google Play (https://play.google.com/store/apps/details?id=com.taptil.quedamosdetapas)

Comeza Pontedetapas con 53 establecementos competindo polas mellores tapas e cócteles

Desde hoxe e ata o día 22, competirán 53 establecementos con 73 propostas a concurso

Bocados aprendidos na mellor tradición, bocados cheos de creatividade, mesturas innovadoras e presentacións vangardistas e tamén cócteles que maridan sabores e texturas para o goce dos sentidos. Todo isto e moito máis poderase atopar en Pontedetapas, o certame gastronómico que comeza hoxe que se estenderá até o día 22.

Un roteiro de degustaciòn no que participou o alcalde Miguel Fernández Lores e os concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña marcou a inauguración oficial dun evento xa consolidado e no que cada ano compiten máis bares e restaurantes.

Un total de 53 establecementos da cidade participarán na que é a oitava edición de Pontedetapas, unha cita organizada pola Concellería de Promoción Económica e os hosteleiros co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector de restauración. Dos inscritos, 25 competirán en tapas tradicionais, 34 en tapas creativas e 14 na categoría de cócteles.

No evento terá unha presenza activa o IES Carlos Oroza, o Instituto de Hostalería da Pontevedra do que está a saír unha importante – en cantidade e calidade- canteira de profesionais.

En xogo está o premio á mellor tapa tradicional – inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e o mellor cóctel.

Un xurado especializado, presidido polo cociñeiro Pepe Solla, elixira aos gañadores que obterán como premio, un diploma acreditativo e un trofeo que visibilice o galardón e unha masterclass co propio Pepe Solla.

Ademais o público elixirá mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra que será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade autónoma entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Un pasaporte Pontedetapas, que será selado por cada establecemento ao consumir, permitirá ao público máis participativo –a aqueles que cubran as 53 casillas o se non entre os que máis selos teñan- optar a unha cea para dúas persoas no local que escollan.

Prezos: tapas a 2 euros e cócteles, 3 euros

 

 

53 establecementos compiten en Pontedetapas

Os hostaleiros pontevedreses competirán de novo nas modalidades de tapa creativa, tapa tradicional e cóctel

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición –a oitava- do concurso Pontedetapas, certame organizado pola Concellaría de Promoción Económica e os hostaleiros co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración. No concurso tamén terá unha presenza activa o CIFP Carlos Oroza, o Instituto de Hostalería da Pontevedra do que está a saír unha importante – en cantidade e calidade- canteira de profesionais.

Un total de 53 establecementos da cidade participarán en Pontetapas que se desenvolverá desde o 12 ao 22 de novembro, unhas datas adiantadas respecto a edicións anteriores atendendo a suxestións do sector que aproveitará o tirón do concurso gastronómico para mellorar os ingresos da tempada baixa.

O cambio de datas é unha das novidades deste ano, explica a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, quen mantén que “Pontevedra ten unha hostalería de nivel, moderna e de calidade, cun mix de sabor e un mix de ofertas “ que garanten o éxito da convocatoria.

Os bares e restaurantes participantes compiten en tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. En xogo está o premio á mellor tapa tradicional – inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e o mellor cóctel. Un xurado especializado, presidido polo cociñeiro Pepe Solla, elexirá aos gañadores que obterán como premio, un diploma acreditativo e un trofeo que visibilicen o galardón e unha masterclass co propio Pepe Solla.

Dos establecementos inscritos 25 competirán en bocados tradicionais, 34 en bocados creativos e 14 na categoría de cócteles.

Ademais o público elixirá mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra que será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade autónoma entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Un pasaporte Pontedetapas, que será selado por cada establecemento ao consumir, permitirá ao público máis participativo –a aqueles que cubran as 53 casillas o se non entre os que máis selos teñan- optar a unha cea para dúas persoas no local que escollan.

O prezo das tapas será dos euros e o dos cócteles, tres euros.

Por outra banda a Casa da Luz abrirá as portas a Pontedetapas para facer unha exposición e coordinar un catálogo de fotografías coas tapas do concurso.

presentacion_pontedetapas_2015

Algúns dos propietarios dos establecementos participantes acompañaron a concelleira de Promoción Económica na psesentación da oitava edición do certame Pontedetapas

Reunión informativa cos participantes

Ao encontro celebrado na Casa da Luz asistiron unha grande representación de establecementos participantes

 

Os propietarios dos establecementos participantes en Pontedetapas 2015 mantiveron o mércores 28 unha reunión informativa na que se lles explicou o desenvolvemento do concurso e se lles aclararon as dúbidas formuladas.

O encontro, que se desenvolveu na Casa da Luz, tamén contou coa participación da delegada en Pontevedra da Asociación de Celíacos de Galicia, Pilar Vence, que animou aos presentes a realizar as súas creacións con ingredientes sen glute.

Últimos días de inscrición en Pontedetapas 2015

Os establecementos hostaleiros que aínda non se inscribiron teñen de prazo hasta este domingo 25

 

A oitava edición do xa tradicional concurso gastronómico PONTEDETAPAS, que impulsa a Concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, está cada vez máis preto. O prazo de inscrición para todos aqueles bares e restaurantes que queiran concursar finaliza este domingo 25 de outubro.

Poden apuntarse todos os establecementos de hostalaría do municipio, que poden inscribirse a través da web www.pontedetapas.eu/inscricion, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

O certame desenvolverase entre os días 12 e 22 de novembro e os participantes poderán concursar cunha creación a tres modalidades: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel.

Pontedetapas 2015: aberto o prazo de inscrición

O prazo para participar no certame gastronómico permanece aberto ata o 25 de outubro

 

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición do concurso Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción Económica co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta oitava edición o concurso gastronómico adiántase de data y terá lugar do xoves 12 ao domingo 22 de novembro. Serán, pois, 10 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita na segunda edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscripción abarátase a 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.

Para máis información, consulta as bases reguladoras de participación.

Páxinas:«12