Café Liceo gaña o premio á mellor tapa tradicional e Mulligans, ao mellor cóctel
 

Temos xa gañadores do certame gastronómico Pontedetapas 2018, que promove a Concellaría de Promoción Económica e da Cidade e no que nesta undécima edición participaron 55 establecementos da cidade, que presentaron un total de 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles.

As distincións entregaronse na Gala Pontedetapas que se desenvolveu na Casa da Luz coa presenza da concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías.

Os Premios do Xurado foron:

  • Mellor tapa creativa. El Cafetín de la Alameda co bocado “O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático”
  • Mellor tapa tradicional. Café Liceo co bocado “Empanada de millo de culler. Berberecho & mexillón”
  • Mellor cóctel. Mulligans con “Holland Match”

Quedaron como segundos clasificados Loaira coa tapa creativa “Os callos do mar”, Casa Román coa tapa tradicional “Canelón de xabaril sobre crema de cogomelos e bechamel de trufa” e La Gramola co cóctel “Gramola Bronx”.

A Tapa Pontevedra, Premio do Público, foi para ““O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático” de El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 9.356 puntos. O público deixou en segundo ao restaurante Pontetapas coa tapa tradicional “Duelo de baos” (con 5.206 puntos) e en terceiro lugar, a Casa Román coa tapa tradicional “Canelón de xabaril sobre crema de cogomelos e bechamel de trufa” (con 4.795 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitais galegas.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostalaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado técnico, que seleccionou 8 tapas creativas, 7 tapas tradicionais e 5 cócteles.

O xurado final estivo formado por Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, o chef e asesor gastronómico Fran Sotelino (Bluemoon-gastro), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 36), Rubén Paz e Fernando Fernández (El Mono con Sombrero).

Pontedetapas contou por primeira vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, que outorgou un premio á Mellor Maridaxe con Mahou. O gañador foi A Casa da Leña que maridou o seu Risoto á Galiciana con Froitos da Ría cunha Alhambra Reserva 1925. Como premio, poderá realizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.

Finalmente, de entre os 26.306 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas elexíronse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 518 usuarios da app que emitiron 2.478 votos. As persoas agraciadas foron Carmen Moldes González e Fernando Baeza Seoane.

Fíxose entrega tamén de dez ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos pasaportes entregados na Casa da Luz, tres deles completos.