Novas

El Cafetín de la Alameda, premio Tapa Pontevedra e mellor tapa creativa en Pontedetapas 2018

Café Liceo gaña o premio á mellor tapa tradicional e Mulligans, ao mellor cóctel
 

Temos xa gañadores do certame gastronómico Pontedetapas 2018, que promove a Concellaría de Promoción Económica e da Cidade e no que nesta undécima edición participaron 55 establecementos da cidade, que presentaron un total de 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles.

As distincións entregaronse na Gala Pontedetapas que se desenvolveu na Casa da Luz coa presenza da concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías.

Os Premios do Xurado foron:

  • Mellor tapa creativa. El Cafetín de la Alameda co bocado “O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático”
  • Mellor tapa tradicional. Café Liceo co bocado “Empanada de millo de culler. Berberecho & mexillón”
  • Mellor cóctel. Mulligans con “Holland Match”

Quedaron como segundos clasificados Loaira coa tapa creativa “Os callos do mar”, Casa Román coa tapa tradicional “Canelón de xabaril sobre crema de cogomelos e bechamel de trufa” e La Gramola co cóctel “Gramola Bronx”.

A Tapa Pontevedra, Premio do Público, foi para ““O polbo emigrante Atlántico vs. Asiático” de El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 9.356 puntos. O público deixou en segundo ao restaurante Pontetapas coa tapa tradicional “Duelo de baos” (con 5.206 puntos) e en terceiro lugar, a Casa Román coa tapa tradicional “Canelón de xabaril sobre crema de cogomelos e bechamel de trufa” (con 4.795 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitais galegas.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostalaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado técnico, que seleccionou 8 tapas creativas, 7 tapas tradicionais e 5 cócteles.

O xurado final estivo formado por Manuel Hermo, director do CIFP Carlos Oroza, o chef e asesor gastronómico Fran Sotelino (Bluemoon-gastro), o chef mexicano Rómulo Mendoza (Roldán 36), Rubén Paz e Fernando Fernández (El Mono con Sombrero).

Pontedetapas contou por primeira vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, que outorgou un premio á Mellor Maridaxe con Mahou. O gañador foi A Casa da Leña que maridou o seu Risoto á Galiciana con Froitos da Ría cunha Alhambra Reserva 1925. Como premio, poderá realizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.

Finalmente, de entre os 26.306 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas elexíronse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 518 usuarios da app que emitiron 2.478 votos. As persoas agraciadas foron Carmen Moldes González e Fernando Baeza Seoane.

Fíxose entrega tamén de dez ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos pasaportes entregados na Casa da Luz, tres deles completos.

Chega Pontedetapas, a mellor gastronomía local en pequenos bocados

Competirán 55 establecementos con 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles

Chega Pontedetapas, e xa van once edicións. A concelleira de Promoción Económica e da Cidade, Anabel Gulías, acompañada de varios restauradores e hostaleiros da Boa Vila, presentou o evento, que terá lugar do 2 ao 18 de novembro.

Pontedetapas “ten unha traxectoria moi importante, é un evento que fomos construíndo entre todas e todos e temos que dicir que cada ano sube o nivel de implicación do sector e tamén sube a calidade do que ofrecemos: da tapa e do cóctel” dixo Anabel Gulías, quen subliñou que “tanto é o nivel que en dúas ocasións a Tapa Pontevedra escollida no Pontedetapas foi elixida Mellor tapa de Galicia”.

Un total de 55 establecementos participarán na undécima edición de Pontedetapas, un evento referente da gastronomía local e un activo reclamo do turismo de proximidade.

Este ano competirán no certame 73 elaboracións: 34 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 14 cócteles. Serán en total dezasete días (con tres fins de semana completas) para degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados e a pequenos prezos: dous euros por tapa e tres euros por cóctel.

Como en anteriores edicións, a votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. O gañador deste premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. Precisamente, a Tapa Pontevedra Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas de El Cafetín de la Alameda foi escollida como a mellor tapa de Galicia o pasado ano.

O gañador da Tapa Pontevedra tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, promovida polo Concello de Pontevedra.

A súa vez, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do CIFP Carlos Oroza e escollerá os Premios do Xurado: á Mellor tapa creativa, á Mellor tapa tradicional e ao Mellor cóctel.

Pontedetapas conta por primeira vez co patrocinio de Mahou, na aposta da cervexeira pola promoción da gastronomía, e outorgará un premio á Mellor maridaxe con Mahou. O gañador poderá realizar un showcooking no Mercado de Sabores Mahou ou nun evento similar.

Premios para o público

O público así mesmo terá o seu premio. A razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que terán que depositar nas urnas de cada local, ou a través da app propia Pontedetapas. Hai en xogo dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio sortearase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.

Finalmente, volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garante un regalo seguro: unha cea para dúas persoas valorada en 60,00 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso, aos dez primeiros consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do 30 de novembro de 2018.

El Cafetín, Casa Román e O’Bioco, gañadores de Pontedetapas 2017

Xa temos gañadores/as do certame gastronómico Pontedetapas 2017, que promove a Concellería de Promoción Económica e da Cidade e no que nesta edición participaron 52 establecementos da cidade. Deles 35 competiron en tapas tradicionais, 23 en tapas creativas e 6 na categoría de cóctel.

As distincións entregáronse na Gala Pontedetapas que se desenvolveu na Casa da Luz coa presenza do alcalde Miguel Fernández Lores e de Anabel Gulías, concelleira de Promoción Económica e da Cidade. Os premios do xurado foron:

• Mellor tapa creativa. El Cafetín de la Alameda co bocado “Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas”

• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado “Pescada á galega”

• Mellor cóctel. O’Bioco con “Sopas de cabalo canso fúnxicas”

Quedaron como segundos clasificados Loaira coa tapa creativa “Airbag de mexillón tigre”, O’Bioco coa tapa tradicional “Tosta do monte da Fracha” e Icewolf co cóctel en esferificacións “Perlas no Camiño”.

A Tapa Pontevedra, premio do público, foi para “Vieira afumada carballoelaurel sobre arroz de algas” de El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 11.507 puntos. O público deixou en segundo e terceiro lugar ao Restaurante La Cámara coa tapa tradicional “Torradas céltigas” (con 5.106 puntos) e La Ultramar coa tapa creativa “Empanadillas crocantes de tenreira galega, tetilla fundente e tandori” (con 4.764 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitais galegas.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostalaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado. A primeira criba foi realizada por un equipo integrado por profesores do CIFP Carlos Oroza, que escolleu a dez finalistas.

Ademais do Carlos Oroza, o xurado estivo formado polo bloguero gastronómico Alberto Ribas (Máis Grelos), Kike García Cerviño, da revista gastronómica La Alacena Roja, Marta Aymerich e Román Pereiro de ANFACO, e máis Alberto Cidrás Alfonso e Lorenzo Tilve Álvaro, dúas das catro persoas que completaron o pasaporte Pontedetapas 2016 e que foron convidadas para formar parte do xurado deste ano.

A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Pescados, ANFACO, patrocinou esta edición por primeira vez o premio á Mellor Tapa con Conserva de Pescado e/ou Marisco, consistente nun trofeo e na realización dun showcooking no stand de ANFACO en Madrid Fusión. Loaira coa tapa “Airbag de mexillón tigre” foi o gañador.

Finalmente, de entre os 24.619 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maneira activa no certame Pontedetapas escolleronse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 675 usuarios da app que emitiron 2.009 votos. Os gañadores foron, respectivamente, Carmen Bonifasi Durán e Moncho González Varela.

Fíxose entrega tamén das ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos 19 pasaportes entregados na Casa da Luz todos eles completos.

Comenza a décima edición de Pontedetapas 2017

Participan 52 locais con 35 tapas tradicionais, 23 tapas creativas e 6 cócteles a concurso

Un total de 52 establecementos participarán desde este xoves 2 ata o domingo 19 de novembro na décima edición de Pontedetapas. Serán 18 días (con tres fins de semana completas) nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Este ano competirán no certame 35 tapas tradicionais, 23 tapas creativas e 6 cócteles. Mantéñense os prezos de dous euros por tapa e de tres euros por cóctel.

Haberá un Premio do Xurado que escollerá a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e o mellor cóctel. Será o profesorado do CIFP Carlos Oroza o encargado de probar todas as propostas e facer unha preselección de dez tapas e tres cócteles. Entre eses finalistas, un xurado profesional que se desvelará ao final do concurso escollerá ao gañador de cada unha destas modalidades.

Ademais, entre todas as tapas e cócteles presentados, ou público outorgará mediante votación popular o Premio do Público “TAPA PONTEVEDRA”, á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade: no sabor, no aroma, nos produtos empregados…

O público emitirá os seus votos a razón dun único voto por tapa ou cóctel consumido, durante os días de celebración do evento, do 2 ao 19 de novembro. Poderá votar a través dun cupón de votación, en formato papel, ou a través da app Pontedetapas.

A TAPA PONTEVEDRA será a que represente á cidade de Pontevedra na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. E tamén terá como premio desenvolver un showcooking dentro da terceira edición da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, unha iniciativa do Concello de Pontevedra.

Como novidade desta edición, haberá un premio á mellor tapa con conserva de pescado e ou/marisco que patrocina ANFACO (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Pescados). Os gañadores realizarán un showcooking no stand que a asociación conservera terá en Madrid Fusión 2018.

Pontedetapas dispón dunha app propia, gratuíta para o usuario, sinxela e intuitiva. Desenvolvida para iOs e Android, permite ver detalles dos locais e das tapas participantes, posicionándoos por xeolocalización no mapa. Ademais, tamén incorpora un sistema de votación popular, fiable e transparente, mediante a introdución de códigos (alfanuméricos e QR).

Mediante a súa votación, os clientes que consuman as tapas e cócteles a concurso poderán participar no sorteo de DOUS premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio outorgarase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.

Volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garantiza un regalo seguro, (consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60,00 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso) a aqueles consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do día 30 de novembro de 2017.

Pontedetapas 2016 xa ten gañadores

Tapería Loaira, Casa Román, Icewolf e El Cafetín de la Alameda, recibiron os premios Pontedetapas 2016

Pontedetapas 2016 , xa ten gañadores, que recibiron as distincións na gala que se desenvolveu o mércores 7 de decembro ás 19.00h na Casa da Luz.

Os premios do xurado son os seguintes:

• Mellor tapa creativa. Tapería Loaira co bocado “Sopa de mar con vermú”
• Mellor tapa tradicional. Casa Román co bocado “Empanada de choco”
• Mellor cóctel. Icewolf co combinado “O fogar dos peixes”

Quedaron como segundos clasificados os seguintes: El Cafetín de la Alameda coa tapa creativa “Jack o lagostino. Imos por partes”, La Casa de las 5 Puertas coa tapa tradicional “Anaco de vaca” e Café Central co cóctel “Cóctel fusión”.

A Tapa Pontevedra, premio do público, foi para El Cafetín de la Alameda. Acadou por votación 6.731 puntos. O público deixou en segundo e terceiro lugar a Creperie Cre-Cottê coa tapa tradicional “Xarrete de tenreira Delicias do Bosque” (con 3.744 puntos) e Pontetapas coa tapa tradiconal “Tiras de entrecosto con escamas de sal negro e timbal de pataca con labras de foie” (con 3.731 puntos).

A Tapa Pontevedra será o bocado que competirá por Pontevedra no certame “De tapas por Galicia” que promove Turismo de Galicia entre os gañadores dos concursos gastronómicos das sete capitales galegas. Rubén González terá a posibilidade de revalidar o título de Mellor Tapa de Galicia acadado o ano pasado.

Finalmente, de entre os 23.422 cupóns de votación válidos entregados polo público que participou dunha maniera activa no certame Pontedetapas escolleuse un por extracción ao azar dotado cun premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Tamén sorteouse outro premio de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local entre os 370 usuarios da app que emitiron 1.308 votos. As persoas agraciadas foron María Isabel García Campos e María José García Alonso.

Entregáronse tamén as ceas para dúas persoas valoradas en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso aos dez pasaportes entregados na Casa da Luz con maior número de selos, catro deles completos.

Nos dezaoito días do concurso- con tres fins de semana completas- vendéronse 34.014 tapas e cócteles, un reconto feito a partir dos datos proporcionados polos establecementos.

Elaboración, presentación, sabor, aroma, concepto, relación calidade-prezo, o emprego de produtos galegos ou a atención dos profesionais da hostelaría foron algúns dos aspectos avaliados polo xurado. A primeira criba foi realizada por un equipo integrado por profesores do CIFP Carlos Oroza, que ecolleu a dez finalistas para as categorías de tapa e catro para a de cóctel.

Os finalistas foron: Badiana Tapas, Casa Román, Casa Verdún, Creperie Cre- Cottê, El Cafetín de la Alameda, La Casa de las Cinco Puertas, Loaira, O Cruceiro, O Souto e Tabula Rasa. En canto aos cócteles: Café Central, El Pecado, Icewolf e La Gramola. A continuación, un xurado formado por Marta Fernández Vázquez, directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia; Pablo Romero Huelin, chef da Viñoteca Bagos e membro do Grupo Nove; Elena Vitoria e Marga Pazos, da Consultoría Gastronómica y Turística Carta Blanca, especialista en tendencias gastronómicas así como no asesoramento e formación de negocios para hostelería e restauración; e Rubén Paz Romero, coctelero profesional e xerente da empresa de eventos El Mono con Sombrero, escolleu os gañadores.

En Pontedetapas 2016 participaron 52 establecementos da cidade, deles 32 competiron en tapas tradicionais, 25 en tapas creativas e 13 na categoría de cóctel.

Comeza Pontedetapas 2016

Serán dezaoito días nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados

Un total de 52 establecementos participarán do 3 ao 20 de novembro na novena edición de Pontedetapas. Serán 18 días (con tres fins de semana completas) nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.
Este ano competirán no certame 32 tapas tradicionais, 25 tapas creativas e 13 cócteles. Mantéñense os prezos de dous euros por tapa e de tres euros por cóctel.
Haberá un Premio do Xurado que escollerá a mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional e o mellor cóctel. Será o profesorado do CIFP Carlos Oroza o encargado de probar todas as propostas e facer unha preselección de dez tapas e catro cócteles. Entre eses finalistas, un xurado profesional que se desvelará ao final do concurso escollerá ao gañador de cada unha destas modalidades.
Ademais, entre todas as tapas e cócteles presentados, ou público outorgará mediante votación popular ou Premio do Público “TAPA PONTEVEDRA”, á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade: non sabor, non aroma, nos produtos empregados…
O público emitirá os seus votos a razón dun único voto por tapa ou cóctel consumido, durante os días de celebración do evento, do 3 ao 20 de novembro. Poderá votar a través dun cupón de votación, en formato papel, ou a través da app Pontedetapas.
A TAPA PONTEVEDRA será a que represente á cidade de Pontevedra na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes urbes galegas. E tamén terá como premio desenvolver un showcooking dentro da segunda edición da feira Etiqueta Negra. Gourmet Galego e Innovación Inspiradora, unha iniciativa do Concello de Pontevedra e cuxa primeira edición celebrarase na cidade coincidindo con Pontedetapas.
Como novidade, Pontedetapas contará cunha app propia, gratuíta para o usuario, sinxela e intuitiva. Desenvolvida para iOs e Android, que permitirá ver detalles dos locais e das tapas participantes, posicionándoos por xeolocalización no mapa. Ademais, tamén incorpora un sistema de votación popular, fiable e transparente, mediante a introducción de códigos (alfanuméricos e QR).
Mediante a súa votación, os clientes que consuman as tapas e cócteles a concurso poderán participar no sorteo de DOUS premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local. Un primeiro premio desenvolverase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos. O segundo premio outorgarase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.
Volverase a editar o Pasaporte Pontedetapas que garantiza un regalo seguro, (consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60,00 euros, a escoller entre todos os establecementos do concurso) a aqueles consumidores que o presenten selado por todos os locais participantes na Casa da Luz antes do día 30 de novembro de 2016.

Pontedetapas 2016: aberto o prazo de inscrición

Pontevedra vólvese a poñer de tapas nunha nova edición do concurso Pontedetapas, organizado pola Concellaría de Promoción da Cidade co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.

Nesta novena edición o concurso gastronómico amplía as súas datas de celebración a tres fines de semana completas. Así, terá lugar do xoves 3 ao domingo 20 de novembro. Serán, pois, 18 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional –aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía–, á mellor trapa creativa –á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…–, e ao mellor cóctel.

Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, bloggers, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun chef de renome.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita na terceira edición de “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas. Precisamente foron os representantes de Pontevedra –Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín de la Alameda– os gañadores da pasada edición.

Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. O formulario de inscrición está dispoñible na web www.pontedetapas.eu, na Casa da Luz (Praza da Verdura s/n) en horario de luns a sábado, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e domingos, de 10.00 a 14.00 horas, ou no correo electrónico info@pontedetapas.eu.

A cota de inscripción é de 50 euros por local e o diñeiro recadado destinarase aos premios que se repartirán ao finalizar a edición do concurso.

Para máis información, consulta as bases reguladoras de participación.

Reunión informativa Pontedetapas 2016

Terá lugar o luns 19 de setembro, ás 19 horas, na Casa da Luz

A novena edición do xa tradicional concurso gastronómico PONTEDETAPAS, que impulsa a Concellaría de Promoción da Cidade de Pontevedra, está cada vez máis preto. Por este motivo, convócase a todos os establecementos interesados en participar a unha reunión informativa que terá lugar este luns 19 de setembro, ás 19:00 horas, na Sala Bolechas da Casa da Luz (Praza da Verdura s/n).

 

 

©Turismo de Galicia

A mellor tapa galega está en Pontevedra!

Rubén González e Sergio Orbe, de El Cafetín, gañan o certame “De Tapas por Galicia”

A nosa cidade ten a mellor tapa galega!!! Os representantes de Pontevedra, Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín de la Alameda, impuxéronse onte á noite na II Gala Show Cooking De Tapas por Galicia grazas á súa receita “É tempo de navallas”, coa que xa conquistaran ao xurado e ao público de Pontedetapas 2015.

Este certame, organizado por Turismo de Galicia, reuniu aos gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas, que elaboraron os seus pratos en directo e explicaron o seu proceso de creación.

O acto estivo conducido polos presentadores de televisión Yolanda Vázquez e Quique Morales e o xurado profesional encargado de escoller ao mellor cociñeiro estaba composto pola directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia, Marta Fernández, o presidente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campo, e o xornalista de Radio Galega José Manuel García. Este xurado foi o encargado de escoller ao mellor cociñeiro en base á súa tapa, valorando a orixinalidade e o respecto do prato polo produto galego.

Pontedetapas manterase en novembro mais estenderase a tres fines de semana completas

Hostaleiros e Concello reuníronse onte para desenvolver novas actividades de dinamización e promoción do sector

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, reuniuse cos hostaleiros de Pontevedra para facer unha valoración final de Pontedetapas 2015 e comezar a preparación da edición deste ano.

Entre os acordos tomados, mantense a celebración do concurso gastronómico no mes de novembro, na procura de mellorar os ingresos da tempada baixa, se ben decidiuse ampliar o número de días, de xeito que dure tres fines de semana completas.

Os prezos serán os mesmos, de 2 euros por tapa e de 3 euros por cóctel, ao igual que as modalidades de participación: tapa tradicional, tapa creativa e cóctel. O público volverá a escoller a Tapa Pontevedra e, de novo, o CIFP Carlos Oroza terá unha presenza activa.

Así mesmo, puxéronse sobre a mesa algunhas ideas de actividades de dinamización do sector para levar a cabo este ano, en concreto durante o mes de abril, outro mes frouxo, segundo os hostaleiros participantes.

Finalmente, tras o éxito en Culturgal, determinouse a creación dunha rede de colaboración con descontos na hostalería pontevedresa para os asistentes a determinados eventos deportivos e culturais.

Páxinas:12»